Thursday 02 de May de 2024

Unha representación do BNG dos Concellos integrantes do Consorcio das Mariñas, da Coruña e a parlamentaria nacionalista Mercedes Queixas visitarán o venres 31 de marzo o Proxecto de Inclusión Social Mulleres Colleiteiras


O BNG quere coñecer de primeira man a situación actual, proxectos de futuro e necesidades de Mulleres Colleiteiras

O BNG quere transmitir o seu máximo apoio a Mulleres Colleiteiras, referente galego de economía circular e apoderamento de mulleres en exclusión social

Unha representación do BNG dos Concellos integrantes do Consorcio das Mariñas, do Concello da Coruña e a parlamentaria nacionalista Mercedes Queixas visitarán o venres 31 de marzo o Proxecto de Inclusión Social Mulleres Colleiteiras, localizado no Polígono de Iñás, Oleiros. O proxecto “Mulleres Colleiteiras” ten como principal obxectivo o traballo de recollida, almacenamento, valorización e reutilización do aceite doméstico usado, realizado por mulleres en situación de exclusión social, como medio para incorporarse ao sector formal de autoemprego, ofrecendo unha proposta eficaz ao problema das verteduras de aceite nas cociñas e ao aproveitamento dun recurso.

O proxecto está baseado en tres piares: a promoción da inserción sociolaboral, o apoderamento e a autonomía de mulleres en situación de exclusión social; a constitución dunha alternativa de autoemprego rendíbel e sostíbel para as mulleres traballadoras; a priorización dunha proposta de recollida de aceite, local e de baixo custe, e de aproveitamento e reutilización deste recurso.

Dende o BNG queremos coñecer de primeira man a situación actual do proxecto e as súas perspectivas de futuro, para o que se achegará até a súa nave en Iñás unha representación nacionalista dos Concellos integrados no Consorcio das Mariñas, ademais de Francisco Jorquera, candidato á Alcaldía da Coruña e a parlamentaria no Hórreo Mercedes Queixas.

Tamén dende o BNG queremos insistir máis unha vez en deixar claro o noso máis absoluto apoio e compromiso con este Proxecto, exemplo claro de economía circular e de apoderamento de mulleres en exclusión social, apoio que tamén debe ser explícito e rotundo dende as institucións.